Arquivo da categoría: ESO

Probas para a obtención do título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria

Convocadas as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria no ano 2021.

Condicións das persoas aspirantes.

Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

  1. Ter cumpridos os dezaoito anos o día anterior á data de realización da proba.

  2. Non estaren en posesión do título de graduado en educación secundaria.

  3. Non estaren nin teren estado matriculadas no curso 2020/2021 nas ensinanzas de educación secundaria ordinaria nin nas de formación profesional básica.

  4. O alumnado matriculado durante o curso 2020/2021 na educación secundaria para persoas adultas poderá inscribirse nas probas se previamente cumpre as seguintes condicións:

    • Para acudir á primeira convocatoria, o alumnado ten que solicitar a baixa nas ensinanzas do segundo cuadrimestre. Así mesmo, as persoas con ámbitos do primeiro cuadrimestre sen superar deberán renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.

    • Para inscribirse na segunda convocatoria, o alumnado con ámbitos suspensos no segundo cuadrimestre ten que renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.

O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria das probas e dos posibles resultados académicos obtidos nelas. Seguir lendo Probas para a obtención do título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria

Premios extraordinarios de ESO.

Convócanse na Comunidade Autónoma de Galicia os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico (procedemento ED311D) correspondentes ao curso 2018/19.

Poderanse conceder ata un máximo de 20 premios. Cada premio estará dotado con 750 €. O alumnado que obteña o premio extraordinario recibirá, ademais, un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro educativo onde estea depositado o expediente académico anotaralle nel a distinción.

Requisitos de participación.

Poderá optar aos premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico o alumnado que reúna os seguintes requisitos:

  1. Ter cursado durante o ano académico 2018/19 cuarto curso de educación secundaria obrigatoria no réxime ordinario en calquera dos centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

  2. Estar proposto polo equipo docente para a expedición do título de graduado en educación secundaria.

  3. Ter obtido no conxunto dos catro cursos de educación secundaria obrigatoria unha nota media igual ou superior a 9,00 puntos.

Todos os requisitos deberán posuírse o día en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Forma e prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes; comezará o día 6 de xuño de 2019 e rematará o día 5 de xullo de 2019.

As solicitudes (anexo I) presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, (https://sede.xunta.gal). Será imprescindible cubrir previamente os datos na aplicación que se atopa no enderezo https://www.edu.xunta.es/premiosedu desde onde deberá xerarse o formulario normalizado cuberto cos datos correspondentes.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, os/as representantes legais dos/as solicitantes.

A publicación da relación provisional do alumnado admitido e excluído realizarase no portal educativo https://www.edu.xunta.gal e na páxina de inicio da aplicación https://www.edu.xunta.es/premiosedu. Unha vez publicadas as listaxes provisionais de admitidos/as e excluídos/as, ábrese un prazo de dez días, para emendar as carencias ou deficiencias detectadas na documentación achegada.

Realización da proba para a obtención do premio

O alumnado deberá realizar unha proba que terá lugar o día 5 de setembro de 2019 e realizarase nos lugares e no horario que se darán a coñecer mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, e no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (https://www.edu.xunta.gal). Para a realización das probas, os candidatos e as candidatas acreditarán a súa identidade co DNI, pasaporte ou calquera outro documento recoñecido en dereito.

A proba estructurarase en dúas partes:

A primeira parte constará de diversas cuestións referidas ás seguintes materias de cuarto curso: Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura, e Primeira Lingua Estranxeira, agás no caso de alumnado con exención en Lingua Galega e Literatura, que quedará exento da realización da correspondente parte da proba, sempre e cando a dita exención se acredite documentalmente.

Na segunda parte, o alumnado dará resposta a diversas cuestións teóricas e/ou prácticas de tres materias do currículo de cuarto curso:

– Xeografía e Historia.

– Unha materia xeral do bloque de materias troncais cursada polo alumnado: Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Académicas ou Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Aplicadas.

– Unha materia para escoller de entre as materias de opción do bloque de materias troncais cursada polo alumnado: Bioloxía e Xeoloxía, Economía, Física e Química, Latín, Ciencias Aplicadas á Actividade Profesional, Iniciación á Actividade Emprendedora e Empresarial, ou Tecnoloxía.

Cada parte da proba desenvolverase nun tempo máximo de dúas horas.

Máis información.