Orientador@s de diferentes centros educativos públicos sinalados a continuación, creamos este blogue para poñer a disposición da comunidade educativa información sobre as diferentes opcións académicas e profesionais. Os nosos centros son:
CPI José García García de Ourense.
CPI Terras de Maside.
IES Allariz.
IES Manuel Chamoso Lamas, de O Carballiño.
IES Ramón Otero Pedrayo, de Ourense.
IES Xermán Ancochea Quevedo, de A Pobra de Trives.
IES O Couto, de Ourense.
IES Ferro Couselo, de Ourense.
IES Val do Asma, de Chantada.
A orientación académica e profesional debe ser entendida coma un proceso educativo de axuda e asesoramento para a toma de decisións vocacionais, dirixida ao alumnado e ás súas familias.
Dentro deste proceso, debemos ter en conta diferentes aspectos que contribúen a fomentar a madurez vocacional das nosas alumnas e alumnos:
-
COÑECEMENTO DUN MESMO OU AUTOCONCEPTO: este coñecemento supón reflexionar sobre como un é: as súas capacidades, intereses, motivacións, valores, personalidade, situación académica, aspectos familiares e de relación social, …
-
COÑECEMENTO DO CONTORNO, tanto das oportunidades académicas e profesionais que brinda o sistema educativo, como das posibilidades laborais que ofrece o mercado de traballo.
-
TOMA DE DECISIÓNS, entendida coma un procedemento para abordar un proxecto persoal de vida, que guíe decisións autónomas e responsables baseadas na adecuación das características e expectativas persoais aos requerimentos das opcións académicas e laborais que se lle ofrecen.