Obxecto dos premios:
Poderanse conceder ata vinte e tres premios extraordinarios, un por cada familia de formación profesional de grao superior implantada na Comunidade Autónoma de Galicia.
A dotación para os premios non poderá exceder os 850 € por premio.
O alumnado que obteña o premio extraordinario, ademais da dotación económica, recibirá un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro público onde estea depositado o expediente académico anotará nel, mediante dilixencia, a distinción e farase constar nas certificacións académicas que se emitan.
Estes premios extraordinarios de formación profesional de grao superior son compatibles con calquera outro premio. O alumnado premiado poderá concorrer, logo de inscrición, ao correspondente premio nacional de formación profesional de grao superior.
Requisitos das persoas solicitantes:
Poderá optar aos premios extraordinarios de formación profesional de grao superior o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:
1. Ter cursados estudos de formación profesional de grao superior durante o curso 2018/19 nalgún centro educativo da Comunidade Autónoma de Galicia, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia e que rematou os seus estudos no ano 2019.
2. Ter obtido unha cualificación final do ciclo formativo igual ou superior a 8,50.
Forma e prazo de presentación de solicitudes:
As solicitudes (anexos I) presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, (https://sede.xunta.gal). Será imprescindible cubrir previamente os datos na aplicación que se atopa no enderezo https://www.edu.xunta.es/premiosedu desde onde deberá xerarse o formulario normalizado cuberto cos datos correspondentes.
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Comezará o día 9 de xullo de 2020 e rematará o día 10 de agosto de 2020.